Entradas

De Balieiros (Corrubedo) a Seráns (Espiñeirido)

Imagen
Roteiro curto. Na estrada que vai ao faro de Corrubedo, na altura do restaurante Balieiros (pechado definitivamente) deixamos o coche e camiñamos pola praia de Balieiros e o camiño da costa que vai dar á praia de Seráns ou de Espiñeirido. Se cadra é a parte máis salvaxe da costa do Barbanza e o baño pode ser complicado se hai mar

Pola costa de Queiruga e Baroña

Imagen
Deixamos o coche en Porto Nadelas, ao lado da praia e a virxe do Carme. Pegada, cara ao norte, queda a praia de Queiruga ou de Seiras, para nudistas e textiles en harmonía. Ao final da praia hai que subir  polo medio dun pinar que queda á dereita até chegar a un camiño ben marcado e sinalizado (azul e vermello, a ruta da costa). Collemos á esquerda e xa non nos apartamos da costa, no bordo do cantil e con baixadas a calas fermosas e solitarias (o Algarve galego :)  Chegamos a unha praia que aparece noutra entrada, a do Dique. Cruzámola e subimos polo lado norte até o mirador de Baroña, onde podemos marabillarnos coa praia de Baroña (nudista), a península co castro, e o monte Louro de telón de fondo ao outro lado da ría de Muros.   Non hai moitos sitios para comer xusto na ruta: o restaurante O Castro, o bar Insua e o chiringuito da praia de Queiruga, o Gaucho. Ubicación

Lagoas de Xuño e San Pedro

Imagen
Nunha tarde brumosa e con orballocomezamos na praia das Furnas cara o sur nesta ocasión, até chegar á Lagoa de Xuño, a lagoa de San Pedro de Muro e os observatorios de aves. Para salvar a zona húmida é necesario ir cara o interior por un camiño que non está ben sinalizado, así que hai que deixarse levar pola intuición e o Maps. Unha vez chegados á pasarela de Basoñas, seguimos dirección sur até a praia de Seráns. Damos a volta para non empaparnos moito. Cando remata a pasarela voltamos pola praia da Lagoa sen sairnos do camiño que hai pola parte interna da duna até a cola da lagoa, e de novo subimos a pasarela que nos leva de volta ao restaurante As Furnas, mollados pero contentos.

Río Coroño (Boiro)

Imagen
Paseo moi curto que comeza no bosque da praia de Barraña, por una pequena pasarela que sube polo río até uns muiños restaurados en Ponte Goiáns. Voltaremos para visitar o pazo de Goiáns.

De Aguiño á praia do Vilar pola costa

Imagen
Comezamos a ruta no porto de Aguiño e collemos o paseo, de terra pisonada e paserelas de madeira, que vai polo Porto Fenicio até a Punta de Couso, por unha costa salvaxe de calas solitarias e rochedos, e vistas cercanas sobre Sálvora. Unha vez chegados a Couso tiramos por un camiño sinalizado á dereita da praia de Area Basta, que vai sorteando varios cocederos de peixe pero sempre por liña de costa até chegar á praia de Anquieiro que é a parte final do Vilar. A última parte, antes de chegar á praia, cando nos internamos no parque natural de Corrubedo ten unha beleza especial. Rodea tamén a lagoa de Vixán.  Pódese voltar pola estrada que vai do Vilar a Aguiño que ten pouco tráfico e reduce moitísimo a distancia, pero carente de interés. Unha vez en Aguiño é imprescindible facer o paseo do Carreiro. Se coincide marea alta é máis impresionante. Ubicación

MInas de San Finx (Lousame) e Miradoiro do monte Muralla (Rianxo)

Imagen
 Fixemos a visita guiada ao museo das minas de San Finx, moi interesante saber que houbo tal actividade no único concello de interior do Barbanza. Aínda hoxe seguen a explotala. A vella maquinaria, as ferramentas e a maqueta serve para imaxinar como foi a vida no interior da serra, que daba traballo a 400 persoas e serviu para que os de Lousame fosen os primeiros en ter luz eléctrica en toda a comarca. Hai tamén un roteiro que deixamos para outra ocasión que pasa polos camiños nos que polas noites se collía o wolframio para revendelos a prezo de ouro en plena II Guerra Mundial, o que se chamaba "andar ás roubachas" ou "ir ás pintas", historias de espías e contrabando. Despois subimos ao miradoiro do monte Muralla. Pensamos que había romería, porque era sábado e había moita, moita xente. Convén deixar oc coche onde comeza a pista de terra. De alí, unha subida de uns 20 minutos pero con boa pendente. O balcón aéreo que puxeron complementa a fermosa vista que hai sobre